Sede electrónica

Concellería de Educación

Presentación

A Concellería de Educación ten como obxectivos prioritarios intentar acadar a mellora da calidade do ensino e favorecer o acceso á formación en igualdade de oportunidades.

Para conseguilo traballa en dous campos principais: por unha parte, leva a cabo unha política de mellora da calidade de infraestruturas e mantemento dos centros públicos municipais a través do contacto cos centros nas reunións do Consello Municipal Escolar; e por outra banda, a través da oferta dunha serie de programas e actividades educativas que axudan a completar e consolidar a formación dos escolares.

Polo tanto, son competencias da Concellería:

  1. Colaborar cos centros educativos no impulso das actividades extraescolares e promover a relación entre a programación dos centros e o contexto socioeconómico no que desenvolven a súa tarefa.
  2. Garantir a orientación académica, psicopedagóxica e profesional do alumnado escolarizado nas etapas de ensino obrigatorio.
  3. Conservar, manter e vixiar os edificios destinados a centros de educación infantil, primaria, dependentes da Administración educativa.
  4. Cooperar co goberno autonómico na obtención dos soares necesarios para a construción de novos centros docentes.
  5. Establecer convenios de colaboración con outras administracións en relación coas ensinanzas de réxime especial.
  6. Facilitar e posibilitar o uso dos centros docentes fóra do horario escolar para actividades educativas, culturais, deportivas e outras de carácter social.
  7. Iniciar actuacións que posibiliten o desenvolvemento das escolas infantís existentes ou crear novas, establecendo convenios co goberno autonómico e/ou cos centros privados de educación infantil da cidade.
  8. Realizar o seguimento das actuacións municipais, na súa globalidade e sempre desde un punto de vista transversal, en canto ás competencias obrigatorias: mantemento e reparación dos centros, vixilancia, adscrición de conserxes ós centros, funcionamento das instalacións relacionadas con subministracións e limpeza.
  9. Facer efectiva e útil a representación do Concello nos consellos escolares dos centros docentes.
  10. Asegurar que na constitución do Consello Escolar Municipal (CEM) estean representados todos os sectores afectados na comunidade educativa.
  11. Potenciar a participación da cidadanía no Consello Escolar Municipal.
  12. O Concello de Lugo forma parte da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE) desde o ano 1996. Este movemento de cidades, representadas polos seus gobernos locais, asume a educación como factor básico na evolución da cidade, desenvolvendo iniciativas e proxectos de cooperación que buscan investir na aprendizaxe individual de cada rapaz e rapaza dentro dun marco de convivencia e integración.

Servizos que prestamos

  • Informamos e asesoramos á cidadanía acerca de materias propias da Concellería.
  • Xestionamos o mantemento, conservación e limpeza das instalacións dos centros públicos de educación infantil e primaria.
  • Xestionamos todos os aspectos relativos ás Escolas Infantís Municipais.
  • Planificamos e coordinamos programas educativos orientados a mellorar a calidade da educación, que se ofertan ós centros escolares do Concello:
    • Programa “Unha escola aberta”. O seu obxectivo é de dar resposta ás necesidades familiares derivadas do desfasamento existente entre horarios escolares e laborais, como medida de conciliación familiar e laboral. Aténdese ós nenos á primeira hora da mañá e ao saír da xornada da mañá ata empezar a xornada da tarde ou as actividades extraescolares nos CEIP con xornada única.
    • Actividades extraescolares educativas, culturais e deportivas que se desenvolven nos centros educativos, tales como teatro, música, programas medioambientais e de educación viaria, etc.
    • Concursos e certames de contos, poesía e relatos curtos.
  • Participamos na xestión dos centros docentes a través das funcións de conserxes e representantes municipais nos Consellos Escolares.
  • Proporcionamos recursos didácticos para distintos sectores da comunidade educativa, para a prestación dun servizo educativo de calidade.
  • Realizamos as tarefas administrativas que emanan do Consello Escolar Municipal.
  • Tramitamos axudas para material escolar de educación infantil.
  • Realizamos publicacións didácticas e exposicións.

Os nosos compromisos

  • Proporcionar á cidadanía unha información clara e eficaz acerca de materias propias da Concellería.
  • Atender ás cidadás e cidadáns que compareza na Concellería e facilitarlles a información que soliciten no momento.
  • Contestar por escrito a todas as consultas realizadas polas cidadás e cidadáns a través do teléfono 010 ou do correo electrónico, nun prazo máximo de 15 días hábiles.
  • Responder ás consultas telefónicas das cidadás e cidadáns no momento. No caso de non ser posible, tomaremos o seu teléfono e porémonos en contacto coa persoa interesada á maior brevidade.
  • Realizar as tarefas administrativas que emanan do Consello Escolar Municipal no prazo máximo de 5 días hábiles.
  • Ofertar ós centros docentes do Concello un mínimo de 68 horas semanais de actividades extraescolares.
  • Ofertas ós centros docentes do Concello un mínimo de 6 actividades complementarias anualmente.

Seguimento dos compromisos

  • Número de usuarias e usuarios atendidas presencialmente no momento, e porcentaxe sobre o total.
  • Número de consultas respondidas por escrito antes de 15 días hábiles e porcentaxe sobre o total.
  • Número de consultas telefónicas atendidas no ano.
  • Número de consultas telefónicas atendidas no momento e porcentaxe sobre o total.
  • Prazo medio na realización das tarefas administrativas do Concello Escolar.
  • Número de horas de actividades extraescolares ofertadas á semana.
  • Número de actividades complementarias ofertadas no ano.

Onde estamos

Centro Social Uxío Novoneyra Quiroga Ballesteros, 1 - 3º andar 27001 Lugo

Horario de atención ao público

Luns a venres laborables, de 9:00 a 14:00

Para contactar connosco

Tel. 982 297 497 Fax 982 297 502 educación@lugo.gal www.lugo.es

Envíanos a túa opinión

Queremos mellorar día a día a nosa xestión. Por isto, necesitamos coñecer a túa opinión e suxestións sobre os servizos que prestamos. Agradecémosche que nola fagas chegar a través do Buzón do Cidadán